2naFronteira

Retratos sonoros da poesía,

e moito máis…

No 2008 Carmen Penim e Maurizio Polsinelli coñécense en Italia grazas ao seu común gusto pola poesía. Xuntos descubren un mundo musical propio, rico de mesturas: a música clásica e o rock progresivo italiano de Maurizio e o jazz e o canto tradicional de Carmen, acaban formando algo novo, orixinal. Comparten a música e comparten a vida. A súa produción musical editada como 2naFronteira é de catro discos, pero Maurizio acompaña a Carmen tamén nos seus proxectos en solitario. O repertorio inédito é moi abundante e variado.

Aínda que dende o 2013, ano no que se establecen en Galicia, as súas composicións son maioritariamente para musicar poesía galega, interpretan repertorios noutras linguas e en variados estilos musicais. Música infantil, bossa, bolero, jazz…e todo cun estilo único, inconfundible.

Os seus discos contaron co apoio das institucións galegas (Xunta de Galicia, Deputacións e concellos).

Concerto-exposición ARREDOR DE NÓS. LIVE en Valdoviño, 2020.

A voz da pedra e música sefardí

O proxecto A voz da Pedra recupera o harmonio de igrexa para uso concertístico. Son actualmente dos poucos grupos no mundo que compoñen para harmonio e voz. Música sacra, antiga e popular, mestúranse con este instrumento de forma natural e moi agradable, con resonancias antigas que conectan ben co público.

Por outra banda, o seu gusto pola música sefardí atopou espazo no seu repertorio co concerto Cancións sefardíes de amor e vida.

Aí vén o barco do mare

De onde lles vén a paixón pola música a Carmen e Maurizio

Maurizio procede dunha familia romana moi musical. O seu avó tocaba o órgano nas igrexas de Roma, tradición que herdou Maurizio. O seu pai foi profesor de guitarra clásica no conservatorio de Roma, pero era un namorado do flamenco, o que fixo que Maurizio se criase nun ambiente rico de influencias, ás que sumou na súa xuventude o rock co seu grupo Pane co que ten varios discos editados.

Pola súa banda, Carmen vén dunha familia labrega de grandes voces, que lucían cando se facían as foliadas ou fiadeiros nos invernos alá no Couto Misto. A súa formación foi autodidacta cos discos das divas do jazz, ata que en Italia estuda canto lírico e jazz. Pero as súas orixes seguen dándolle unha visión moi libre da música, sen fronteiras estilísticas.

No escenario a súa compenetración é total, e despregan unha paixón e entrega que arrastra ao público. Contan coa colaboración dos mellores músicos e músicas do panorama galego.

No 2016 foron nomeados Xuíces Honorarios do Couto Misto pola súa defensa do patrimonio inmaterial común galaico portugués.