Carmen

Carmen Penim

Falando con Carmen

“Dende que teño memoria escribo contos, poemas e cancións. Non entendo a vida sen este impulso. Podería dicirse que son unha “besta de escenario”. Nel síntome máis eu que nunca e doume completamente, sen reservas e sen límites. Porque creo que a arte é ante todo, comunicación e entrega e por suposto, compromiso. Un compromiso dobre: social, para facer un mundo mellor; e artístico, estético. Creo que a arte ennobrece e fai máis ricas as persoas e considero un privilexio poder compartir o que sei facer, e o que eu son, cos demais. Por iso o meu amor polo público é incondicional e sincero. O trato co noso público nos concertos, ou cando rematan, e falar directamente con estas persoas nas redes, é algo que me encanta. Aínda que estudei canto lírico, gústame instalarme nun rexistro medio coa voz. Pero tamén me gusta xogar, improvisar e explorar os meus límites. Porque poñerme en xogo e non quedarme só na zona cómoda para min, é algo que me divirte e me fai mellorar. Por iso cada disco é diferente, un pasiño máis alá. “

“Considero un honor e unha sorte de vida contar co amor do público. E un honor e unha verdadeira sorpresa os premios ou recoñecementos recibidos. No Museo da Limia están expostas as miñas obras escritas e os meus discos, e eles saben que iso é moi importante para min porque é a miña terra, pois nacín no Couto Misto, na Limia. Tamén, xunto co meu pianista Maurizio Polsinelli, fomos nomeados Xuíces Honorarios do Couto Misto. E no 2021 recibín o Premio Opinión á mellor adaptación de canción tradicional por unha canción do disco CANTOS DE TERRA E SAL. Estes recoñecementos engaden unha gran responsabilidade para min, e o desexo de seguir dando e facendo música o mellor que sei.

Ademais, pertenzo á Asociación de Excecutivas de Galicia, formando parte do seu programa Referentes Galegas.”

Se queres saber algo máis de min: son filla da emigración e herdeira de mulleres arraianas fortes e determinadas que me ensinaron a ser independente e guerreira. Coa miña música defendo as labores humildes destas mulleres e defendo a súa memoria. Son cociñeira vegana e cultivo a miña horta no Morrazo, sentíndome humilde continuadora de xeracións de labregos. Creo que estas cousas son a miña contribución a un mundo mellor. “

O ensino

Levo ensinando en institutos de Galicia moitos anos dende que me licenciara en Filoloxía Hispánica en Santiago. Levada por esta paixón, doutoreime pola UNED en Educación. Ademais, dou clases de técnica vocal a diversos grupos de profesionais, en especial, xente do teatro e da música, pero tamén conferenciantes e ensinantes.