QUEN É?

PRÓXIMAMENTE

Carmen Penim, voz sen fronteiras

As cancións de Carmen xiran en torno ás súas paixóns: poesía, identidade da muller, a natureza e a cultura galegas…Xa alá van catro CD dedicados a musicar poemas actuais e clásicos en galego, castelán e portugués, dende que no 2011 editara en Italia o seu primeiro disco. 

Carmen fixo do eclecticismo a súa marca. Compositora fecunda e heterodoxa, non respecta os límites entre xéneros e presenta variadas influencias, que van dende a canción tradicional e o jazz (Cantos de terra e sal, 2020), pasando pola música culta e sacra (proxecto A voz da pedra, para harmonio) e as influencias das músicas do mundo que a acompañan dende unha nenez na emigración nun contexto multicultural no país de acollida. 

Este eclecticismo faina difícil de encadrar e definir, pero fai que os seus concertos sexan orixinais e vibrantes, mesmo novidosos. Sabe ademáis facer accesible a todos os públicos unha música e textos de grande calidade e representativos da nosa cultura e do noso tempo. 

No 2013 volveu de Italia establecéndose de novo en Galicia co seu compañeiro e pianista Maurizio Polsinelli, co que forma o dúo 2naFronteira, chegando a realizar máis de 20 concertos anuais, incluíndo colaboracións altruístas con diversas asociacións benéficas.

Difunde a lingua galega entre os máis variados públicos dentro e fóra das nosas fronteiras, con traballos tan relevantes como o dedicado á revista Nós (Sons de Nós, 2015) ou á memoria da muller no 36 (Herdeiras, 2017), por mencionar algúns. 

Carmen conta co premio “Xuíza honoraria do Couto Misto”, a súa terra natal; os seus traballos discográficos e poéticos están incluídos na sala de escritores do Museo da Limia e forma parte do proxecto “Referentes galegas” de difusión de mulleres profesionais galegas. 

image3.png

Ademáis da música, Carmen é profesora de ensino secundario de Lingua castelá e doutora en Educación. Habitualmente imparte cursos de lingua oral e de técnica vocal a varios colectivos.